Desde hai aproximadamente un lustro, a venda de propiedades antigas e de luxo experimentou un notable crecemento a través da rede. Alleo en gran medida ás oscilacións no sector inmobiliario tradicional, este mercado atopou en Galicia un verdadeiro verxel. Torres medievais, pazos, castelos, aldeas abandonadas, casas reitorais e mesmo conventos son algunhas das propiedades ofertadas en internet. Cun simple click, os interesados en adquirir un destes bens poden comprobar que, no tocante a Galicia, os seus prezos son considerablemente menores que propiedades de menor valor noutras comunidades. “Os pazos galegos son todo un referente, os máis demandados, e copan o 85% do mercado”, asegura Rafael Canales, responsable do portal www.aldeasabandonadas.com, inmobiliaria do grupo de brokers de Sacapartido.com. Ao seu xuízo, aínda que “Galicia é dos poucos territorios que conserva intacto o seu encanto rural, a súa maxia e singularidade”, este tipo de propiedades custan aquí “tres veces menos que construcións similares en Cataluña, Andalucía ou Aragón”. No caso das vivendas de pedra sen avoengo, o seu prezo rebáixase “ata dez veces máis”, engade.
Esta situación contrasta co feito de que “os pazos e castelos galegos están construídos cunha pedra excepcional que non se encontra noutras zonas e posúen unha estrutura formidable”, indica o responsable catalán da páxina web, que “para dar exemplo” aos seus clientes, reside nunha casa de pedra no concello lucense de Palas de Rei. “A arquitectura dos pazos galegos non ten comparación, nin tampouco as paisaxes agrestes nas que case sempre están encravados”, confesa.
A desvalorización do patrimonio galego no mercado responde, segundo Canales, a que moitas destas propiedades “pertencen a familias que as herdan e non saben que facer con elas”, sobre todo no caso de casas señoriais “de gran tamaño” en zonas “relativamente illadas”, matiza. E, se os donos destes pazos están enfrontados por cuestións de herdanza, o seu valor aínda se pode reducir máis, xa que a súa “prioridade” é obter liquidez canto antes.No referente ás aldeas, a diminución dos prezos responde a que “ao morrer os seus últimos moradores moitas veces quedan baleiras e por iso os seus novos propietarios, que adoitan residir en cidades, deciden desfacerse delas”. De feito, unha das ofertas máis rechamantes do portal é unha aldea completa formada por seis casas, en plena Ribeira Sacra e con vistas ao río Miño, que se acaba de sacar á venda por tan só 60.000 euros, “o que pode custar un piso nalgunhas cidades”, salienta Canales. A aldea, situada no municipio lucense do Carballedo, dispón dunha superficie de cen metros cadrados e conserva os cortellos e os alpendres de cada vivenda. Unha oferta sumamente atractiva se temos en conta que o prezo doutras aldeas galegas con menos vivendas oscila entre os 80.000 e os 225.000 euros. E máis se o comparamos co dunha finca de tres hectáreas con tres masias preto de Barcelona, que ascende a 2,2 millóns.
En canto aos pazos galegos, o seu prezo vai“desde os 30.000 euros ata os dous millóns”, indica Canales, cantidade que de novo queda en ridículo ante o que hai que desembolsar polas casas señoriais noutras comunidades, que nalgúns casos ascende a case os cinco millóns. “En Galicia os clientes demandan moito pazos que se sitúen ao longo do Camiño de Santiago e ata Fisterra”, asegura, unha tendencia “á alza” nos últimos anos. De feito, salvo contadas excepcións, algúns dos mellores pazos e castelos da Costa da Morte cambiaron de mans na última década, como o castelo de Ameixenda, o de Camariñas, o pazo de Romelle ou as Torres do Allo, entre outros.
A estes podería unírselle en breve o pazo Torres de Cereixo, en Vimianzo, unha fortaleza que se asentou sobre unha construción do século XV e foi transformada en casa señorial no XVII, que está desde hai varios meses á venda por uns 4,5 millóns, segundo información publicada pola web con anterioridade. O pazo, a carón do que se atopan a igrexa románica de Santiago de Cereixo e un fermoso muíño, posúe unha finca de case 5.000 metros cadrados e conta con embarcadoiro propio.
A enorme fortaleza de Vimianzo, de 1.200 metros cadrados, dispón de oito dormitorios amoblados ao estilo rústico, habitación de xogos, lavandería propia, bodega, garaxe, almacéns e outras moitas dependencias. No exterior goxa dunha ampla zona de praia protexida por muros de pedra. Do seu pasado medieval, o pazo conserva dúas torres ameadas das que recibe o seu nome. O conxunto foi sometido a unha “minuciosa restauración” tras ser pasto dun incendio en 2007, xa que foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e calquera reforma que se efectúe debe de contar co visto e prace de Patrimonio.
De feito, cando un cliente pensa en adquirir un pazo ou outro recinto que sexa BIC, desde a páxina web é informado de que calquera alteración debe de contar co permiso da Xunta. “Moitas veces isto non fai falta xa que na maioría dos casos son xente moi concienciada que sabe perfectamente que non se pode alterar a forma orixinal dos pazos”, argumenta, e é que “precisamente o maior atractivo dun pazo galego é o seu carácter inalterado, a beleza das súas formas primitivas”. Moitos clientes buscan, ademais, “que teña historia e escudo, aínda que canto máis antigo sexa máis caro será, loxicamente”.
Os clientes tamén son informados de que os pazos declarados BIC deben de ser abertos ao público catro días ao mes como mínimo, tal e como reflicte a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, aínda que esa normativa non sempre se cumpre. En Galicia existen 20 pazos baixo esa figura de protección, pero máis dun terzo destes valiosos edificios permanecen pechados e non admiten visitas. Noutros casos existe a posibilidade de contemplar estes recintos pero só parcialmente, como o pazo de Oca, na Estrada, que permite acceso aos seus xardíns. E, en moitos casos, os visitantes deben desembolsar unha cantidade que oscila entre un e dez euros para ver estes inmobles, como ocorre no pazo fortaleza dos Condes de Andrade, en Pontedeume; no pazo arcebispal de Xelmírez, en Santiago; no pazo de Santa Cruz de Ribadulla, en Vedra; no pazo do Cuadrante, en Vilanova de Arousa e no mesmo pazo de Oca. Os cartos recadados destínanse a gastos de mantemento.
En canto aos clientes, malia que segundo Rafael Canales “non existe un perfil concreto”, destaca o gran número de compradores de Madrid, Bilbao e Barcelona, e outro bo número de demandantes estranxeiros, “sobre todo ingleses, holandeses e alemáns”, di responsable do portal . Algúns deles son “famosos empresarios e deportistas” que decidiron a investir nun pazo galego onte habitualmente pasan as súas vacacións. Ademais, nos últimos tempos “aumentaron considerablemente” as peticións de galegos que, tras botar “media vida fóra da terra traballando noutras cidades españolas” queren “regresar á súa aldea natal para aumentar a súa calidade de vida”.
OS EFECTOS DA CRISE
Aínda que este mercado non se resentiu tanto como no resto do sector inmobiliario, o responsable do portal asegura que “a crise si que se nota, sobre todo porque as persoas que contan cun patrimonio e necesitan obter liquidez teñen bastantes dificultades á hora de vender”, admite. “Ademais agora os bancos volvéronse moito máis restritivos á hora de conceder créditos”, argumenta no tocante aos compradores que non dispoñen de propiedades que vender.
Este tipo de propiedades de luxo poden permanecer anunciadas “durante tres meses ou cinco anos” xa que “todo depende do momento”, sinala o director da páxina web, que considera que “o importante é que este tipo de edificacións tan singulares non se veñan abaixo”, xa que debido ao despoboamento do interior de Galicia “moitos dos pazos están en mal estado”. En aldeasabandonadas.com tamén se poden mercar por 300.000 euros as ruínas s igrexa monacal de Albeos do século X en Crecente (Pontevedra) e un antigo mosteiro de monxas do século XVIII en Cotobade (pontevedra) por 600.000 euros.


Casas rurales de ensueño para vivir, más información en aldeas y casas rurales.
No se preocupe por nada, nosotros le asesoraremos en todo lo que precise, ver apartado de Interés.
Disponemos de bodegas, casas rurales en servicio, hoteles, a nivel nacional o Internacional.
Aldeas y casas al lado o cercanas a la costa, para disfrutar en todas las épocas del año.